Qué é Pía Paxaro: por se a lista de actividades organizadas dende 2013 ou as opinións sobre nós dos distintos axentes que traballan no territorio que podedes ver na nosa páxina web non son suficientes, dicirvos só que Pía Paxaro é paixón e compromiso: paixón pola natureza, a etnografía, a paisaxe,… e compromiso coas xentes que viven nas Serras Orientais.
É, en fin, o mellor xeito que se nos ocorreu para facervos chegar esa paixón e ese compromiso, a través de actividades adaptadas a tódolos públicos ou de rutas interpretadas nas que buscaremos, dalgún xeito, que vós tamén vos comprometades , porque vós sodes imprescindibles para manter a identidade deste espazo natural único.
Cremos nun turismo responsable, baseado no profundo respecto a un territorio que foi modelado polo home dende hai séculos e que merecería a declaración de Parque Natural.
Se o que buscades son rutas nas que facer moitos quilómetros en pouco tempo ou salvar grandes desniveis , nós non somos a vosa opción. Se buscades ese turismo parsimonioso, no que alguén vos axude a entender e , incluso, a comprender, contade con Pía Paxaro.
Vivimos no Courel e vivimos O Courel cada día e gustaríanos que vós o vivisedes connosco.
Vós elexides o camiño, nós axudámosvos a interpretalo. Porque, para nós, “o camiño é o medio, pero nunca o fin”.
Por se queredes seguir informándovos: